Friday 01 de November de 2024

Nace a Guía Empresarial de Boqueixón para incentivar as compras do Nadal no comercio local


A guía recolle un total de 86 pequenas empresas, dunha vintena de sectores diferentes, e estará aberta á incorporación de novas firmas e profesionais

O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu esta mañá a presentación da primeira Guía Empresarial de Boqueixón, elaborada polo Departamento de Formación, Emprego e Desenvolvemento Local. Un acto ao que asistiron media ducia de empresarios locais e que estivo presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín, quen estivo acompañado polo concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias Gómez.

Fernández Munín explica que esta iniciativa “naceu para crear una primeira base de datos coas empresas do municipio organizadas por sectores e que sexa unha ferramenta útil tanto para o empresariado como para a veciñanza de Boqueixón”. O alcalde boqueixanés sinala que esta guía ten un triplo obxectivo: “Primeiro, dar a coñecer e apoiar aos magníficos profesionais que traballan no noso comercio, na nosa hostalería e nas numerosas empresas de servizos que temos en Boqueixón. Segundo, ser unha ferramenta para as Administracións de cara a fomentar inversións ou poñer en marcha calquera campaña de apoio ao sector. E terceiro para que os noso veciños e veciñas coñezan os grandes profesionais que temos no noso municipio e que non teñen que ir buscar fóra os produtos e servizos que teñen diante das súas casas”.

Neste sentido, Fernández Munín lembra que “se algo positivo tivo esta pandemia foi que tivemos que volver a consumir nos negocios máis próximos. E iso é algo que temos que seguir mantendo porque é unha forma de que a riqueza que se crea en Boqueixón reverta na propia xente de Boqueixón. Por iso escollemos estas datas para presentar esta Guía, xusto antes das compras do Nadal. Porque dende o Concello desexamos que fagan as súas compras no comercio local, onde recibirán un trato profesional e próximo que só existe no pequeno negocio”.

Contido da guía

A Guía Empresarial de Boqueixón recolle un total de 86 pequenas empresas dunha vintena de sectores diferentes con todos os datos achegados polas firmas: nome da empresa, a que se dedica, emprazamento, teléfono, e-mail, web, Facebook… Estará dispoñible inicialmente en formato dixital e descargable en PDF, ao que se poderá acceder a través da web municipal (www.boqueixon.gal) co obxectivo de poder actualizala permanentemente, tanto con novas incorporacións como incluíndo novos datos das 86 empresas que participan no documento inicial.

A guía está deseñada para a súa correcta visualización en todos os navegadores e dispositivos móbiles (tabletas, móbiles…) e os enlaces están activos, de forma que permiten acceder directamente á web, redes sociais, mail da empresa e mesmo chamar por teléfono. “Queremos que o contacto entre o cliente e a empresa sexa o máis doado e directo posible”, sinalou o alcalde.